[Date Prev][Date Next] [Thread Prev][Thread Next] [Date Index] [Thread Index]

Re: Coordinación para traducir as descricións dos paquetes



Daquela voume pór coa revisión rápida. Unha nota aclaratoria antes:

Comecei a traducir duramente as cadeas en Ubuntu hai case un ano. O motivo inmediato foi varios compañeiros/as a quen convencín de pasárense a Linux; pedíanme programas específicos para o seu traballo e eu, como non os coñecía, explicáballes como buscalos no Centro de Software. O problema era que as descricións estaban en inglés e, aínda que para min iso non supón ningún problema, para eles/as si - e grande. Vin aí un obstáculo ao avance do software libre: calquera sabe que con Firefox e VLC ten o básico pero despois han precisar programas e se non entenden a súa descrición, nin o concepto de repositorio axuda.

Despois de facer algunhas traducións e de observar outras que estaban feitas parei a considerar a súa estrutura e tomei unha decisión, que é o que quero explicar aquí. Os paquetes contan cunha «descrición breve» de unha liña e outra máis extensa; a primeira é a que un se atopa cabo o nome do paquete; para a segunda, normalmente hai que facer algo máis para lela. O problema é que esa «descrición breve» non segue ningunha estrutura. Observei moitas, probabelmente nalgúns casos si foron redactadas polos creadores do software, noutras seguro que non, que foron recollidas do sitio web polos empaquetadores de Debian e cada un cun criterio distinto. Algunhas son unha simple frase nominal «Messaging account plugin for AIM», moitas comezan cun verbo en infinitivo?/imperativo? «query and manipulate user account information» (ás veces con minúsculas, ás veces con maiúsculas) e outras son unha descrición completa, «GNU Accounting Utilities is a set of utilities which reports and summarizes data about user connect times and process execution statistics.», ás veces con suxeito, ás veces non. A sintaxe non é homoxénea, algunhas acaban en punto e outras non...

O que fixen foi abrir o Centro de Control e pensar como debería velo. Decidín que as frases nominais as traduciría como frases nominais, as que teñen un verbo en forma persoal como oracións con verbo en forma persoal e as demais (a maioría) con imperativo. Desta maneira, o que o usuario ve é como unha chamada para empregar ese programa ("Run a "live" preinstalled system from read-only media": «Execute un sistema preinstalado «ao vivo» desde un medio de só lectura» e non «Executar un sistema»), que é algo típico de algo que se publicita; o infinitivo tampouco describe tan ben porque en ningún sitio se ve unha entrada do tipo «Que fai este programa?». O resultado paréceme o máis correcto. Vós diredes.

Todas as traducións comezan con maiúscula inicial (excepto algún programa porque o seu nome deba escribirse con minúscula, como «ltrace debería ser instalado polos administradores de sistemas que desexen vixiar a execución de procesos.») independentemente de como veñan no orixinal: as minúsculas iniciais que se ven ás veces son, sen dúbida, resultado de cortar e pegar. Os puntos finais déixoos como veñen postos. Non hai ningún criterio pero non estorban nas descricións (si que se nota graficamente a súa ausencia pero é problema menor) e os programas de tradución quéixanse se non coincide a puntuación final.

Dareille unha revisión rápida estes días e remitireilla a Xurxo antes do fin de semana.

Xosé

On 13/10/14 17:11, Xurxo Barreiro wrote:
Ola de novo,

espero que non se vos pasen as ganas de traducir por culpa da espera. Inda non
teño preparados os .po para traballar, pero esta fin de semana estiven
traballando no tema e teño avances.

Polo de agora xa conseguín un ficheiro .po que utilizaremos como ficheiro
mestre, onde están todas as cadeas que se van usar. Xa importei cas cadeas
traducidas en ubuntu, co cal xa vai un traballo feito. Podedes atopar este
ficheiro aquí:
http://www.findomundo.es/debian/

Neste ficheiro puxéronse como cadeas separadas cada un dos parágrafos das
descricións. Como comentario de cada cadea está o nome do paquete ó que
pertence e o número de parágrafo dentro desa descrición. Hai moitas cadeas que
se repetían nas descricións de cada paquete, así que nos comentarios dalgunhas
cadeas poderedes atopar unha lista de paquetes. Se queredes ver máis
información sobre o paquete, ou ver a descrición completa no seu contexto,
podedes ir á páxina:
http://packages.debian.org/sid/nome-do-paquete

Algunhas das traducións están marcadas como incompletas. Isto pode ser por
dúas razóns: a descrición orixinal cambiou desde que se fixo a tradución, ou
porque existían varias traducións diferentes para unha mesma cadea fonte.
Neste último caso quedaron na tradución todas as versións atopadas.

Podedes baixalo e botarlle un ollo, pero como xa comentáramos non é práctico
traballar con el directamente. Teño que partilo en anacos manexables, pero
quería facelo seguindo algún criterio de prioridade, e para iso teño que
incorporarlle datos sobre a sección á que pertence ou a súa puntuación
«popcon».

Como excepción doulle permiso a Xosé, autor da maioría das traducións xa
realizadas en ubuntu, para revisar se quere as traducións xa feitas. Ós demáis
espero poder darvos material para traballar pronto. Posiblemente esta fin de
semana, se saco algo de tempo, poida ter os .po definitivos.


Saúdos!




Reply to: