[Date Prev][Date Next] [Thread Prev][Thread Next] [Date Index] [Thread Index]

Coordinación para traducir as descricións dos paquetes



Moi boas,

póñovos en copia porque non sei se estades subscritos á lista de localización 
ó galego de Debian. Se non o estades, podedes subscribirvos ou ver as mensaxes 
sen subscribirse desde aquí:

https://lists.debian.org/debian-l10n-galician/

As seguintes mensaxes mandareinas só á lista, para non molestar á xente que 
non estea interesada.

Para Manuel: non teño os correos dos teus compañeiros e compañeiras así que se 
podes, por favor, reenvíalles isto, e se seguen interesados que veñan á lista 
de Debian. Mandarei tamén un aviso á lista de trasno, que creo que algún 
estaba alí. Inda que como ultimamente funciona daquela maneira non me fío 
moito.


En Debian hai moitas cousas por traducir: o instalador, a web, os manuais, os 
«templates» de configuración, etc. Pero unha das cousas na que parece haber 
máis interese é nas descricións dos paquetes. Estas propáganse ás 
distribucións baseadas en Debian, polo que resulta especialmente interesante e 
útil traducir.

O mecanismo que hai en Debian para traducilas é un tanto deficiente polo que, 
tal como dixen na fin de semana, propóñome para facer de ponte entre o sistema 
de Debian e os tradutores. Así de paso poderei facer honor ó título de 
«coordinador» que tanto lles gusta ós trasnegos chamarme. Así que me vou 
pelexar co sistema de Debian para recoller cadeas e enviar traducións, e 
tratar de ofrecer a quen queira traducir cómodos ficheiros «.po» para que 
poidades traballar coa vosa ferramenta preferida. En canto teña preparados os 
primeiros ficheiros avisarei de novo para falar sobre como coordinarnos.

Mentres tanto gustaríame sacar a debate a prioridade destas traducións. Os 
paquetes son moitos e penso que o obxectivo de partida non debe ser traducir o 
100%. Así que penso que debemos priorizar determinados paquetes. En Debian 
teñen un ranking de popularidade dos paquetes, que permite saber cales son os 
máis usados e por tanto dá unha idea de por onde comezar, pero moitos paquetes 
moi usados non son de interese algún para a maioría dos usuarios. Están aí 
simplemente porque son dependencia de aplicativos moi usados. Propoño de 
primeiras obviar todas as bibliotecas (paquetes que comezan por lib) e os 
paquetes de desenvolvemento (todos os que acaban en «-dev»).

Despois, por poñernos obxectivos claros, poderíamos poñernos unha meta como: 
traducir a descrición de todos os paquetes que vaian no primeiro DVD (que é o 
único que a xente soe gravar).


Espero as vosas opinións.

Saúdos!


Reply to: